lunes, 23 de octubre de 2017 0 comentarios

Masa Critica Especial en recordo ás Vítimas de Violencia Viaria. 26-Outubro


(Os datos deste texto poden consultarse aquí. A fonte é a propia DXT, isto é a realidade das nosas estradas e rúas)


O xoves 26 de Outubro de 2005 a Asemblea da Onu establece o terceiro domingo de novembro como día en recordo das vítimas de accidente de tráfico. Este día coincide co ultimo xoves de mes e polo tanto é Masa Crítica en Pontevedra polo que aproveitamos para facer unha Masa Critica Especial como antesala ao 19 de Novembro día das Vítimas de Sinistro Viario.

- O ano 2016 tivo un forte aumento de falecidos en sinistro de tráfico en España, con 1810 falecidos, un aumento do 7% con respecto a 2015. Aumentou tamén un 3% os hospitalizados e un 5% os feridos non hospitalizados.

- A tendencia de diminución de falecidos parou no 2013 co mínimo histórico de 1680. No 2014 1688, no 2015 1689 e xa no 2016 1810. 
 
- No ano 2016 Galicia aumentou un 15% os falecidos e un 4% os feridos hospitalizados.

Por isto:

Convidamos a todos os Pontevedreses a participar na Masa Crítica do xoves 26, un paseo urbano en bicicleta que parte da Peregrina ás 21:00 e xunta a persoas de todas as idades en prol dunha mobilidade máis segura, ecolóxica, sustentable e saudable.

Esta Masa Crítica ten de especial que imos ir polo carril bici da Avenida de Marín ata onde están as bicicletas brancas da rotonda de Malvar, en recordo aos ciclistas falecidos nas estradas próximas a Pontevedra. Este ano, ao noso pesar, incorporamos este día 26 unha bicicleta branca en recordo a Jorge, falecido na PO-308.

Queremos sinalar que os usuarios de bicicleta xa son o 3,7% dos falecidos e os peóns o 21,5%. Ambos colectivos son especialmente vulnerables e precisan un especial coidado das administracións e dos condutores de vehículo a motor polo tanto queremos reivindicar as necesidades destes dous colectivos:

Ás administracións con competencias en infraestruturas queremos recordarlle as súas obrigas de garantir o dereito á vida e á seguridade, nas rúas e estradas, dos colectivos vulnerables tomando medidas decidías no eido da seguranza viaria como as seguintes:

a) adecuar as velocidades máximas en cidade ás seguras pera peóns e ciclistas. A OMS, a DGT e UE recomendan a limitación 30km/h na maioría dos viarios urbanos que son os lugares onde máis peóns falecen.

b) adecuar as infraestruturas viarias aos usuarios vulnerables coa construción de beirarrúas, beiravías transitables, vías ciclistas e medidas de acougado de tráfico. As infraestruturas non concibidas para as bicicletas están detrás da maioría de sinistros.

c) priorizar as necesidades de seguridade por riba do aumento de capacidade viaria. O dereito á vida está por riba do interese particular de chegar uns minutos antes ao destino. Iso ten que verse nos proxectos e nos orzamentos das administracións.

Aos condutores de vehículo a motor e as administracións con competencias en materia de seguridade viaria queremos recordarlle as súas obrigas no cumprimento da lexislación en materia de seguridade viaria, sobre todo atendendo aos factores concorrentes polos que aínda seguimos tendo falecidos nas estradas segundo a DXT e polo tanto é preciso:

a) Recordar os Factores concorrentes máis importantes dos sinistros: Condución desatendida 25%, velocidade inadecuada 19,2%, non manter a distancia de seguridade 15%, non respectar a prioridade 12,9% e alcohol e drogas 11%.

b) Apelar á empatía e ao cumprimento das normas dos condutores. O non cumprimento está a causar danos que non se arranxan cun seguro de responsabilidade civil.

c) Solicitar o aumento de medidas de control do cumprimento das normas ás Policías Locais e á DXT. Sobre todo nas que inciden nos factores concorrentes dos sinistros. É preciso maior cantidade de controis de velocidade, alcohol e drogas e uso do telefono móbil xa que estas causas están detrás do 55% de todos os falecidos.

A nosa sociedade paga un prezo moi alto por non asumir que circular cun vehículo a motor implica unha inmensa responsabilidade, que é una acción de risco que sobre todo pagan os máis vulnerables e que segundo as fontes sanitarias ocasionaron 1.810 mortos, 20.542 feridos hospitalizados e 477.022 feridos non hospitalizados. Unhas cifras que non podemos asumir, que temos a obriga moral de reducir e que debemos avanzar a un modelo de mobilidade sen falecidos nas estradas e coa mínima cantidade posible de feridos.