miércoles, 15 de marzo de 2017 0 comentarios

O Concello é pouco ambicioso na rúa Loureiro Crespo. Mellor unha Super Mazá.


Na carta de Reis magos ao alcalde de Pontevedra lle pediamos crear unha gran arteria peonil desde Michelena á Av de Lugo. Na conversa co alcalde díxonos que a cidade tiña que funcionar, e con funcionar referíase a pasar coches, e que moitos veciños querían aparcar na rúa.

Por iso Pedaladas preparou este  esbozo de proxecto para animar ao alcalde a reconsiderar a súa postura coa peonalización da rúa Loureiro Crespo, pensamos que importar un elemento como  é a super illa (ou super bloque ou super mazá) é perfectamente factible para a zona Leste.
Nós pensamos que importar a Super Illa é unha gran ferramenta de recuperación do espazo público, incluso pode ser  moito mellor que simplemente anchear beirarrúas. Pensamos que o que están a facer Vitoria e Barcelona de zonificación da cidade e acometer barrios con prioridade peonil e recuperación do espazo público é perfectamente realizable en Pontevedra, e incluso pode mellorar o modelo premiado de cidade.

A Creación da primeira súper Mazá de Pontevedra, cunha gran praza pública na rúa Loureiro Crespo.Mellora ambiental, redución do ruído, mellor aparcamento para residentes, mellor mobilidade para residentes, máis comercio de proximidade e local, calidade urbana,  fomento do desprazamento a pé e en bicicleta e unha gran praza pública.

No plano está a estrutura de tráficos. Os pasos a seguir para a creación da Súper mazá do leste:

Desvíos de tráfico para a creación da super illa:

1) a construción dunha rotonda na Av de Lugo fronte a Cepsa, nos terreos que están a herba no lado dereito da Av de Lugo.

Esta rotonda permite desviar parte do tráfico que sube por Loureiro Crespo sentido Ourense, incluso acortando a distancia de desprazamento e de paso reducindo tráficos de José Malvar que está saturada.

2) desviar os tráficos que van á San Mauro desde José Malvar pola rúa da Estrada, neste caso aumenta nuns metros o percorrido pero é insignificante.

3) desviar os tráficos que van á Ponte das Correntes desde a Av de Lugo por Mestre de Soutullo. Isto na práctica xa se fai. A vantaxe é que seguimos aliviando de tráfico a rúa José Malvar.

4) desviar o tráfico que vai a Eduardo Pondal desde a Av. de Lugo polos Xulgados. O desvío é sinxelo, os coches percorren Juan Carlos I, Pintor Laxeiro e rúa Hortas para chegar a Eduardo Pondal.

5) Cortar os extremos da rúa Loureiro crespo na intersección de Mestre Soutullo e 12 de Novembro. Para creación da praza pública.

Acceso de tráficos permitidos dentro da súper Mazá do Leste:

Os tráficos permitidos serían, todos os veciños, a carga e descarga, servizos para os comercios e autorizados. Con isto produciríase unha diminución dos tráficos que non teñen destino no barrio, os vehículos que van a estacionar e non son veciños e só queda o estritamente necesario. 

A Entrada da Súper Mazá do Leste sería pola rúa Ángel Amor Ruibal e a Saída por Rodríguez Seoane. Este percorrido tamén sería permitido para os clientes do Mercadona que acceden ao aparcamento pero non poderían circular nin estacionar polo resto de rúas da Súper Mazá do Leste.

Acondicionamento de rúas, o caro e difícil.

Un proxecto destas características, implicaría reordenar todo o estacionamento, a creación dunha gran praza en Loureiro Crespo e facer que todas as rúas da Súper Mazá do Leste foran plataforma única con prioridade peonil. O custo probablemente fora de varios millóns de Euros e seguramente é a dificultade real para acometelo. Pero consideramos un proxecto viable e moi positivo para todos o residentes no barrio do Leste, para a seguranza viaria e para seguir conseguindo espazo público para algo máis que o paso de vehículos a motor.

No Response to "O Concello é pouco ambicioso na rúa Loureiro Crespo. Mellor unha Super Mazá."

Publicar un comentario