miércoles, 25 de abril de 2012 Tags: , , 0 comentarios

Como conseguiu Holanda ser o país máis seguro do mundo para circular en bicicleta



Na Postguerra europea, os Países Baixos experimentaron un enorme crecemento que encheu as súas cidades de automóbiles. Varios factores, como o elevado número de mortes na estrada e a crise do Canal de Suez, levaron a un cambio de enfoque.

As primeiras ciclovías eran escasas, inseguras e mal interconectadas. Mais fíxose un esforzo público por melloralas, e décadas despois presumen dunha infraestrutura perfecta. Os problemas que hoxe poderíamos identificar en centos de casos no noso país, aló souberon resolvelos hai moitos anos.

O máis significativo do vídeo é que mostra como a sociedade holandesa soubo mobilizarse para conseguir espazos seguros para a bicicleta. Os resultados saltan á vista: teñen unha excelente rede de ciclovías que se extende por todo o país e unha das máis importantes culturas da bicicleta.

Na nosa cidade

A Masa Crítica procura calmar o tráfico e ser parte do mesmo, por iso estamos a favor de medidas como o límite a 30 km/h, que aumenta a seguridade e nos anima a usar a calzada como un vehículo máis.

Isto non quere dicir que esteamos contra os carrís-bici, moi ao contrario. Así, no casco urbano, cun tráfico afeito ás bicicletas, moitos achamos que non son necesarios (tense estudado que o risco de montar en bicicleta polas aceras é ata cinco veces maior que circular pola calzada como os automóbiles), pero talvez nas avenidas con tráfico máis denso e en estradas fóra da cidade o carril-bici sexa imprescindible.

O tema, sen dúbida, dá para pensar...


No Response to "Como conseguiu Holanda ser o país máis seguro do mundo para circular en bicicleta"

Publicar un comentario